Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Oroso comprométese a incluír novas cláusulas nos pregos das próximas adxudicacións de servizos para incrementar a defensa dos dereitos dos traballadores


Luís Rey maniféstase “en desacordo” coa baixada de soldo aos traballadores da gardería

“O Concello de Oroso comprométese a incluír novas cláusulas nos pregos de condicións das próximas adxudicacións de servizos para seguir avanzando na defensa dos dereitos dos traballadores das empresas adxudicatarias no municipio”. Son palabras do concelleiro de Persoal e Réxime Interior de Oroso, Luís Rey Villaverde, tras reunirse novamente con representantes de FETE-UGT para analizar a situación dos traballadores da escola infantil da Ulloa (Sigüeiro).

Luís Rey manifesta que “no Concello de Oroso estamos totalmente en desacordo coa baixada do soldo aos traballadores e traballadoras da gardería da Ulloa, pero os nosos servizos xurídicos entenden que non temos causas para actuar”. Por esa razón, o concelleiro de Persoal do Concello de Oroso adianta que “nos próximos pregos especificaremos cuestións como que non se poderán aplicar convenios de empresa por debaixo do convenio sectorial para garantir así un mínimo para os traballadores das empresas adxudicatarias”.

Defensa dos traballadores

Neste sentido, Rey Villaverde lembra que “o Concello de Oroso caracterízase polo seu absoluto respecto aos dereitos dos traballadores, así como pola súa boa relación cos seus traballadores e cos seus representantes sindicais”. Unha situación que o Concello de Oroso “xa ten demostrado en varias ocasións, como aconteceu recentemente co servizo de limpeza no que non só rompemos o contrato coa empresa adxudicataria senón que amparamos ás traballadoras, que foron acollidas pola empresa que se fixo cargo do novo contrato”.

Neste caso concreto, o Concello de Oroso rompeu unilateralmente un contrato de 400.000 euros porque a empresa adxudicataria do servizo de limpeza de 13 edificios municipais lles adebedaba varias nóminas ás súas traballadoras. Ante esta circunstancia, o Concello de Oroso rompeu o acordo e utilizou os fondos que debía abonar á empresa para pagarlles directamente ás traballadoras.

Luís Rey considera que “na situación actual de desacougo social penso que o feito de que administracións públicas como o Concello de Oroso e entidades sindicais como a UGT fagan causa común na defensa dos lexítimos dereitos dos traballadores é un exemplo a seguir sempre”.

Valoración UGT

Pola súa banda, Ricardo Turnes, secretario de Política Sindical e Formación de UGT Compostela, destacou “o bo exemplo que damos o Concello de Oroso e UGT de unidade total contra a desigualdade que impera neste país” e pediulle “ás institucións públicas que marquen pautas de desenvolvemento sostible da economía e se fixen non nas grandes cifras, senón no día a día das persoas”. Neste sentido, destacou que “é moi positivo que politicamente o Concello de Oroso se comprometa a respectar o convenio colectivo destas persoas. É unha garantía”.

Finalmente, Manuel Alonso, secretario xeral de FETE-UGT Compostela-Barbanza, agradeceu ao Concello de Oroso que “tiveran a sensibilidade suficiente para buscarlle unha solución” e puxo a disposición do Concello o traballo dos técnicos do sindicato “para ver que podemos aportar a eses novos pliegos”.